O Museo de Ciencia e Tecnoloxía de A Coruña espera aos participantes en Voz Natura
É xa unha visita clásica e sempre interesante porque todo o mundo aprende no Museo Nacional de Ciencia e Tencología da Coruña, o popular Muncyt. E este curso que comezou hai pouco máis dun mes segue en vigor o acordo para levar a cabo visitas guiadas e participar en talleres educativos.
Ese acordo é froito do entendemento entre dúas fundacións: a Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e a Santiago Rey Fernández-Latorre, e beneficia e implica directamente, está claro, aos case trescentos oitenta centros que participan neste 2024-2025 en Voz Natura, unha iniciativa de La Voz de Galicia e a segunda das fundacións citadas, e que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.
E que fan os alumnos no museo? Pois desenvolven actividades como a creación dun caderno de campo coas súas observacións, o traballo con microscopios, a realización de experimentos seguindo o método científico ou a resolución dun xogo, con pistas, para coñecer o instrumental de investigación científica e tecnoloxía relacionada. Porque hai que lembrar que o eixo central de Voz Natura neste curso sinala a necesidade do coñecemento científico para protexer o medio ambiente. Ou sexa, loitar contra as pseudociencias e as fakes.
Por suposto, esas actividades non son iguais para todos senón que varían segundo o grupo de idade dos participantes. Para dicilo dunha maneira moi resumida, os alumnos de infantil e os dous primeiros cursos de primaria coñecerán a grandes investigadoras de distintos ámbitos das ciencias naturais como a botánica, a zooloxía ou a xeoloxía.
O resto de primaria mergullarase no mundo microscópico. O ciclo do nitróxeno espera aos de ESO, e quen estude bacharelato percorrerán as distintas salas do museo co obxectivo de localizar información relacionada co autoclave, o calorímetro, o acelerador de partículas, o alambique, a balanza, o barómetro de sifón, a máquina pneumática, o higroscopio, microscopios, máquinas de cálculo, tecnoloxía aplicada á medicina, aeronáutica ou os alimentos. Soa complicado? Non o é. É divertido.
Na web www.voznatura.com irase publicando a información complementaria, pero vaia por diante que as reservas poden facerse a través do correo electrónico reservascor@muncyt.es e do teléfono 689 578 727.